Álbum de Galicia

Darío Xohán Cabana

Roás (Cospeito), 1952 - Romeán (Lugo), 2021

AUTORÍA:
Miro Villar;

DOI. 10.17075/adg.2022.23778


Poeta, narrador e tradutor, académico da RAG, autor dunha obra ciclópea en lingua galegaAcadémico da RAG, na que ingresou o 22 de abril de 2006 a proposta de Francisco Fernández Rei, Ramón Lorenzo e Antón Santamarina, para ocupar a vacante de Manuel María, seu padriño literario e na súa voda con Amelia Outeiro Portela, como sinala no discurso de ingreso De Manuel María a Ferrín: a grande xeración. Nesta peza recoñece a súa débeda co editor e poeta Xosé María Álvarez Blázquez, do que aprendeu en Vigo nas Edicións Castrelos moito do labor editorial, desde a corrección textual até a venda de libros, e a quen dedicou unha das súas incursións no ensaio coa biografía Xosé María Álvarez Blázquez. Vida e obra (2008). Escribe no devandito discurso: percorrín Galiza enteira, incluso Entre-Eo-e-Navia, o Bierzo e as Portelas de Zamora, nunha furgoneta esbandallada, vendendo libros galegos en cidades e vilas e feiras, principalmente os da benemérita colección O Moucho que co lema de “libros do pobo pra o pobo” inventara Xosé María Álvarez Blázquez, a quen eu teño por un grande e intelixente heroe das edicións galegas.

Participou activamente no nacionalismo desde a mocidade, época na que foi amigo e camarada do militante da UPG morto pola policía franquista Moncho Reboiras. E desenvolveu outros oficios como liberado do sindicalismo nacionalista entre os anos 1978 e 1983, cando gañou unha praza de garda municipal en Corcubión. En 1987 accede ao funcionario do Concello de Lugo, durante uns anos como celador do Auditorio e desde 2007 até a xubilación como Coordinador de Publicacións.

Aínda que se inicia na poesía en 1967 nos anos do instituto, co maxisterio de Xesús Alonso Montero, publica os seus primeiros libros en 1970, Verbas a un irmao en edición de autor e Home e Terra (1970), con limiar de Lois Diéguez, da man de Manuel María, quen codirixía a colección Xistral con Ánxel Johán. Nesta década asina tres títulos máis, Romanceiro da Terra Cha (Castrelos, 1973), con prólogo de Manuel María, e os outros dous no selo Roi Xordo, que desde Xenebra eludía a censura franquista, e onde utilizou o pseudónimo Daniel Méndez O´Dónell, homenaxe a Castelao, Ferrín e a un líder nacionalista irlandés. Os poemas deben ser ollados á luz do epigonal socialrealismo da época e neles percíbense dúas direccións temáticas fundamentais, o compromiso cívico e a saudosa evocación da estirpe e da terra nativa. Nos nove poemas de Ferrol 72: Daniel e Amador, condicionados pola intensa actividade política, xa hai un maior dominio do oficio literario, alén da facilidade e da destreza métrica e versificatoria, que vai derivar con posterioridade na conformación dunha voz senlleira, coa inflexión que supón a aparición dun poemario amoroso, dedicado a Amelia, Ábrelle a porta ao día (1981). Algúns deses primeiros poemas apareceron na antoloxía bilingüe que preparou María Victoria Moreno para Akal, Os novísimos da poesía galega (1973).

Porén, os seus títulos fundamentais e premiados que o consagraron como poeta son da década dos oitenta: A fraga amurallada (Premio Cidade de Ourense, 1982); Patria do mar (Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, 1983), que se abre cun soneto que lle dedicou Ferrín; VIII fragmentos (Premio Cidade de Ourense, 1986), con prólogo de Henrique Monteagudo, e Amor e tempo liso (Premio Celso Emilio Ferreiro, 1986). O seu único poemario dos noventa Canta de cerca a morte, elexía a seu pai labrego Ricardo Cabana Ben, obtivo o Premio Martín Codax en 1994 e publicouse con limiar de Ferrín. Toda a súa produción poética, peneirados algúns textos iniciais, figura en Vinte cadernos: Poemas 1969-2002 (Xerais, 2003), prologado por Moncha Fuentes, e despois desa data tan só publicou Cabalgada na brétema (Galaxia, 2006). A citada compilación xunta case todos os seus versos escritos deica a idade do medio século, que o autor considerou como unha cifra simbólica para render contas. A Nota Bibliográfica no cabo do volume sinala que o proceso de revisión segue a orde cronolóxica da data de escrita e non a da súa publicación, e inclúe unha parca explicación sobre a decisión de suprimir algún poema editado ou esquecer deliberadamente poemas ocasionais, ao tempo que tamén deixa fóra os versos narrativos de Chirlo merlo na figueira (1990) e Cinco lendas (1993).

Na década dos oitenta, sen abandonar por completo a palabra comprometida, crea un universo propio e realiza unha arriscada aposta persoal polo formalismo e a contención clasicista, escribindo ducias de sonetos e cancións, influenciadas polo dolce stil nuovo dos poetas italianos, nomeadamente por Dante e Petrarca, autores que nesa época principiaba a traducir de xeito maxistral, mais tamén pola poesía de Ausias March, Ronsard, Shakespeare, os cancioneiros medievais galego-portugueses ou a lírica galega contemporánea, sendo evidente a pegada de Ferrín, sobre todo en Amor e tempo liso, título orixinal e logo desbotado dese libro fundamental que se chamou Con pólvora e magnolias. Outros ecos importantes son os da mitoloxía clásica e do ciclo artúrico, que tamén será relevante na súa narrativa. Ademais deste inxente xogo intertextual coa literatura tamén son de moito interese as alusións á pintura, que inzan o apartado «Algúns figuradores» de Patria do mar.

Na década dos noventa mudou o rexistro poético ao narrativo, alén dun afastado Noticias dunha aldea (1973) que vira a luz en Castrelos, en 1989 gaña o premio Xerais con Galván en Saor, anagrama de Roás, novela inspirada na materia de Bretaña e no ciclo artúrico, como antes fixeran os seus admirados Cunqueiro e Ferrín, ao que seguiron outros títulos, salientando Vidas senlleiras (Premio Cidade de Lugo, 1992), O castrón de ouro (Premio Barco de Vapor, 1993) ou O cervo na torre (Premio Xerais, 1994), distopía sobre a independencia de Galiza. Son textos que abeiran desde a novela histórica, como a longa e épica Morte de Rei (1996) baseada no malfado do noso Rei García, os relatos breves a mesturaren realidade e fantasía no ronsel de Cunqueiro ou unha exitosa entrega de obras de literatura infantil e xuvenil, con libros de habitual prescrición docente nas aulas como As aventuras de Breogán Folgueira.

Se a súa obra poética e narrativa non fose xa abondo meritoria non se pode esquecer a súa paixón e as horas de dedicación ao labor de tradutor, nas diferentes versións que publicou do Cancioneiro de Petrarca ou da obra A Divina Comedia de Dante, recoñecida internacionalmente, pois recibiu pola súa coidada versión a Medalla de ouro do concello de Florencia en 1991. E en 1994 a súa Vida nova de Dante recibiu o Premio Ramón Cabanillas de Tradución, o Cancioneiro, seguido das Rimas dispersas, de Petrarca o Premio AELG de Tradución en 2012, As floriñas de San Francisco o Premio Lois Tobío ao Libro Traducido en 2014 e unha nova versión pulcramente traballada da obra A Divina Comedia de Dante o Premio AELG de Tradución en 2014. En todas elas demostrou o seu oficio ao conservar a métrica e a rima orixinais. Realizou tamén moitas outras traducións de mérito e cando lle chegou a morte viña de publicar a súa versión de Xácome o fatalista de Denis Diderot (Galaxia, 2021).

Recibiu máis de medio cento de premios literarios por artigos, contos ou poemas, que tamén enchen ducias de páxinas en antoloxías e obras colectivas. Amancio Prada, Suso Vaamonde, Fuxan os Ventos, A Quenlla ou Anxo Rei, entre outros, musicaron poemas da súa autoría.

E toda esta poligrafía foi escrita cunha lingua de ouro, coma Pondal, que bebe do léxico patrimonial da tribo labrega chairega e forma unha amálgama, unha aliaxe coa súa sólida formación de humanista con querenza pola nosa máis antiga e culta tradición literaria galega e románica. Alén da súa obra de creación, o seu profundo coñecemento da lingua está na cerna dos encrucillados que publicaba a diario na prensa galega, un tesouro de palabras.

Aviso legal