Álbum de Galicia

Santiago Carro

Santiago de Compostela, 1889 - Madrid, 1966

AUTORÍA:
Rafael Sisto;

DOI. 10.17075/adg.2012.22423


Reputado especialista en gastroenteroloxía e membro destacado das academias profesionais Estudou o bacharelato no Instituto de Santiago, no que obtivo o título de graduado no ano 1905. De seguido matriculouse na universidade compostelá para cursar a carreira de Medicina, na que se licenciou con premio extraordinario en 1912. Rematada a carreira foi nomeado alumno honoris causa do Instituto Rubio, onde se especializou en gastroenteroloxía, e un ano máis tarde doutorouse en Medicina na universidade de Madrid. Exerceu de axudante de Fisioloxía e Hixiene na Facultade de Medicina de Santiago en praza obtida por oposición e posteriormente, en 1914, foi nomeado profesor da Consulta de Vías Dixestivas do Instituto Rubio de Madrid.

A súa ampla produción científica comezou co traballo presentado como tese doutoral en 1914, Contribución al estudio de la atonía y dilatación atónica del estómago. De seguido publicou en Burgos Regímenes alimenticios de las enfermedades del aparato digestivo y de la nutrición (Carro, 1917), obra galardoada pola Real Academia Nacional de Medicina. Ademais colaborou en importantes obras, redactando capítulos como “Síndromes digestivos de la gripe y su tratamiento” para o Tratado de las Infecciones de tipo gripal de Piga e Lamas, e “Diagnóstico diferencial de las lesiones sifilíticas anorrectales” para o Tratado Español de Veneralogía y Sifiliografía do Dr. Barrio Medina.

Cómpre salientar tamén o seu discurso de ingreso na Academia Nacional de Medicina, El dolor gástrico en las enfermedades extragástricas, (Carro, 1934b). Nel afirma que nin a modalidade da dor, nin a localización, nin o momento, nin a intensidade, nin outras características, gardan relación coa causa mesma da dor; anormalidades que se explican polas múltiples conexións existentes na rede do sistema nervioso da vida vexetativa e pola resposta individual á dor. Baseándose nisto, analiza casos de litiase biliar, afeccións pancreáticas, enfermidades xinecolóxicas, etc., buscando as causas da dor e estudando os cadros clínicos para, á fin, sentar as bases da diagnose diferencial. Para o Libro-Homenaxe a Goyanes editado en 1930, aportou o estudo “Errores en el radiodiagnóstico del cáncer gástrico”.

Outro traballo importante é o que presentou nas I Jornadas Médicas Gallegas celebradas na Coruña, “La úlcera duodenal latente” (Carro, 1929), no que baseándose en 15 exemplos da casuística fai un esbozo patoxénico e etiolóxico da enfermidade, analiza a maioría das manifestacións sintomáticas e remata cunha referencia ao quimismo gástrico e un estudo radiolóxico. Nestas mesmas xornadas presentou a comunicación “Ptosis intestinal”, publicada no libro de actas das sesións.

A súa contribución nos congresos profesionais e asembleas científicas foi moi destacada. Podemos citar: “La diatermia como medio de tratamiento de los procesos ulcerativos del aparato digestivo”, (Carro, 1920a), comunicación presentada no I Congreso Nacional de Medicina celebrado en 1919, na que dá as condicións e doses de aplicación da diatermia, que resulta esta especialmente útil nos casos de úlceras crónicas e para cicatrizar úlceras rebeldes, e con ela consegue en gran medida a desaparición da dor; “La miastemia gástrica de algunos gastroenterostomizados”, comunicación para o II Congreso Nacional de Patología Digestiva reunido en Barcelona en 1933; e “Vigilancia médica de los colecistectomizados”, presentada no Congreso Internacional de litiase biliar celebrado en Vichy en 1932, no que foi delegado oficial de España.

Foi colaborador de numerosas publicacións, como Revista Ibero-Americana de Ciencias Médicas, ou España Médica, na que deixou entre 1919 e 1925 preto dunha ducia de artigos nos que, entre outros temas, trata as úlceras gástricas de orixe tóxica, a diagnose e tratamento das estenoses esofáxicas e a insuficiencia hepática como complicación postoperatoria. Entre todos eles debe citarse “Errores en la interpretación de las imágenes radiológicas del estómago”, (Carro, 1920b), no que despois de aclarar que a radiografía debe ser sempre posterior á radioscopia, sinala moitos detalles técnicos como posturas, horarios e condicións para a diagnose radiográfica, en especial da de adherencia, de evacuación e do peristaltismo. Tamén se deben resaltar as súas colaboracións na Revista Médica Gallega, con artigos como “Tratamiento quirúrgico de la úlcera gástrica” ou “¿Deben los tuberculosos ser sobrealimentados?”.

Dentro do campo da divulgación, ademais de pronunciar gran número de conferencias, deixou publicado algún traballo, entre os que se pode citar ¿Quiere usted tener sano el estómago? (Carro, s.a.). Esta obra está dividida en dúas partes: na primeira trata da hixiene do estómago facendo referencia aos tipos de alimentos, bebidas, horarios e ao prexudicial dos abusos e vicios sexuais, mentres que na segunda, dedicada á hixiene especial, trata do modo de previr e corrixir as afeccións máis comúns do aparato dixestivo.

Pertenceu a dirección científica da Revista Médica Gallega, foi fundador e codirector da Revista de Higiene y Sanidad Pública, membro do Comité directivo da Gaceta Médica Española e da Revista Española de Enfermedades del Aparato Digestivo y de la Nutrición, e redactor da revista Medicina. A partir de 1936 na súa produción científica destacan os traballos sobre os cancros gástricos e intestinais, sobre as hernias diafragmáticas e sobre a alimentación humana en xeral.

Entre outros cargos, Carro ocupou a Secretaría xeral do Colegio Oficial de Médicos de Madrid e da Academia Médico-Quirúrgica Española, e foi presidente da Sociedad Española de Patología Digestiva y de la Nutrición dende 1940. Ocupou o asento nº 14 da Real Academia Nacional de Medicina, da que foi vicepresidente entre 1947 e 1966, e exerceu como académico numerario da Real Academia Hispanoamericana de Ciencias y Artes de Madrid. Foi ademais membro correspondente da Academia Nacional de Medicina de Buenos Aires e da Sociedad de gastroenterología da mesma capital, e vicepresidente da Union Médicale Latine e do Instituto de España, institución franquista que veu a revivir as vellas reais academias que quedaran disolvidas durante o período republicano. Despois exercería como procurador en Cortes polas Reais Academias.

Dende outro punto de vista, cun carácter cultural diversificado, é salientable a súa serie de artigos na revista Galicia, publicados en 1908, na que trata temas como a repoboación forestal e as festas da árbore, a pesca en Galicia, a Exposición de Santiago de 1909 ou as festas do Apóstolo na cidade compostelá.



Bibliografía:



Fontes documentais:

Arquivo Histórico da Universidade de Santiago. Serie Expedientes persoais, cartafol 212, doc. 10.

Fontes impresas:

CARRO GARCIA, S. (1908): El idioma internacional y el esperanto, Santiago: Tip. El eco de Santiago.

CARRO GARCIA, S. (1917): Regímenes alimenticios de las enfermedades del aparato digestivo y de la nutricion, Burgos: Imp. S. Rodríguez.

CARRO GARCIA, S. (1920a): “La diatermia como medio de tratamiento de los procesos ulcerativos del aparato digestivo”, España Médica, 333: 7-8.

CARRO GARCIA, S. (1920b): “Errores en la interpretación de las imágenes radiológicas del estómago”, España Médica, 348: 1-2.

CARRO GARCIA, S. (1929): “La úlcera duodenal latente”, I Jornadas Médicas gallegas, Madrid: Tall. Gráficos C. Bermejo.

CARRO GARCIA, S. (1930): “Errores en el radiodiagnóstico del cáncer gástrico”, Libro Homenaje a Goyanes, Madrid: Gaceta Médica Española; pp.: 199-210.

CARRO GARCIA, S. (1934a): “Diagnóstico de la úlcera duodenal”, Progresos de la Clínica, I: 350-357.

CARRO GARCIA, S. (1934b): El dolor gástrico en las enfermedades extragástricas [Discurso de ingreso na Academia Nacional de Medicina e contestación de Enrique Suñer], Madrid: Imp. Sáez Hnos.

CARRO GARCIA, S. (1941): Discurso necrológico del Excelentísimo Señor Doctor Enrique Suñer Ordóñez, director de la Real Academia de Medicina , Madrid: Editorial magisterio español.

CARRO GARCIA, S. (s.d.): ¿Quiere usted tener sano el estómago?, Burgos: Hijos de S. Rodríguez.


Bibliografía secundaria:

SUÑER Y ORDOÑEZ, E. (1934): Discursos leídos en la Academia Nacional de Medicina con motivo de la recepción del Dr. Santiago Carro García, Madrid: lmp. Sáez Hrnos.

Aviso legal